Recollemos as verbas do blog Observatorio Cidadán de Comunicación sobre o encontro nas instalacións de AGAJA:
Desde a Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA polas súas siglas en castelán) as persoas afectadas pola ludopatía poñen a súa voz para representar a un grupo indefenso ante a procura da morbosidade do cada vez máis dexenerado Cuarto Poder.
O pasado xoves 24 de febreiro decidimos trasladarnos a Vigo e ter unha reunión con tres membros de AGAJA para poder transmitir as súas experiencias particulares e anhelos en calidade de afectados, tanto por unha enfermidade social tan desestimada (dado o seu pobre avance en investigación), como por un sistema de comunicación que busca algo co que exaltar ao seu público. Esta primeira toma de contacto con Carlos, Nicolás e Pablo reforzou algunhas das evidencias das que partíamos, á vez que nos mostrou o lado oculto deste fenómeno, o esforzo que supón tomar consciencia da enfermidade e dar un paso fronte á rehabilitación.
Tanto Nicolás como Carlos coincidiron en que “os medios daban un enfoque individualista, centrándose no morbo e sen dar profundidade á situación dos xogadores ou ao labor dos profesionais de rehabilitación”. Carlos falaba desde a experiencia debido á súa activa participación na asociación, de feito xa estivera en contacto cos medios de comunicación para relatar as súas vivencias e afirma que “o tratamento debería ser máis educativo, posto que os xornalistas só estaban interesados en choros e declaracións de roubo”.
Outro dos enfoques tratados, fóra da representación que o colectivo comunicativo ofrece deste problema, foi o da información que se pon a disposición da sociedade sobre a ludopatía, como recoñecela e onde acudir cando xa estás dentro. Carlos falounos dunha cifra significativa en España, a de 200 mil ludópatas que xa están en contacto con organizacións de rehabilitación, cifra que pode non ser nada representativa xa que como afirmaba Nicolás “falta información. Cando toquei fondo non sabía que existía AGAJA, tiven que buscar na internet”. Non debemos esquecer que que unha das principais bases do xornalismo debe ser ofrecer á cidadanía datos de calidade, útiles para as maiorías, pero aínda máis para as minorías, posto que estas atopan incrementadas as dificultades para obter representación.
Se os medios de comunicación non buscan un enfoque de axuda e normalización atoparemos casos como o de Pablo, que “aínda sabendo que tiña unha enfermidade non era capaz de dicilo por medo a revelar a situación de débeda, un medo para ocultar dano que deriva nun dano maior”. Eses medos aparecen ante fenómenos estraños e pouco tolerados, e a orixe desa intolerancia está na desinformación. “Antes non adoitaba ler noticias sobre ludopatía, agora son consciente”. Así o afirmaba Nicolás, un problema pasa desapercibido ata que te representa.
Dúas noticias e a súa representación do colectivo ludópata.
Na reunión tivo lugar a lectura colectiva dunha noticia do ABC titulada “Ludopatía: a partida máis cara”, na que se fala, entre outras cousas, da ludopatía como trastorno e non como enfermidade, algunhas condutas comúns como a mentira compulsiva, os problemas de diñeiro e o illamento social (condutas coas que todos na reunión estiveron de acordo) e o compoñente machista deste problema social. O artigo deste diario nacional incluía declaracións visiblemente morbosas como “Cando cumprín os 18 anos, saquei o diñeiro da herdanza do meu avó”, destacando fragmentos do texto para desviar ao lector do verdadeiramente importante. Carlos contemplou a denominación de trastorno como algo superfluo, xa que afirmaba que a Organización Mundial da Saúde tratábao de enfermidade pero como o chamasen non solucionaría nada. Pablo non daba crédito ante o fragmento do artigo que dicía “se o home padece ludopatía, a muller téntalle axudar; pero se é a muller a que o sofre, o home bótaa de casa”. “Non quero crer que iso sexa certo de forma xeral (como se mostra no texto informativo), senón que depende da forma de ser de cada persoa”.
Posteriormente tivo lugar o visionado dunha noticia de Antena 3 baixo o rótulo “O abuso tecnolóxico aumenta o risco de sufrir ludopatía en menores”. Neste fragmento televisivo destaca o tratamento do caso particular dun neno coruñés de 11 anos que gasta catro mil euros apostando desde o móbil. “Nestes casos a solución non é prohibir o uso de móbiles aos nenos, senón educar para previr estas situacións” comenta Carlos.
Grazas a este achegamento observamos a consciencia que teñen os ludópatas sobre a imaxe que proxectan os medios deles mesmos e sorprende unha postura que carece de enfado e que está enfocada a corrixir eses problemas.