Novo post do OCC falando sobre a ludopatía e con verbas de Juan Lamas:
O perfil do ludópata cambiou moito nos últimos anos. Fai dez anos a maioría dos ludópatas encaixaba nun perfil de unha persoa de 35 a 45 anos que levaba xogando dez anos en máquinas tragaperras. Case sempre varón, casado, traballaba e tiña ingresos mensuais. Pero co avance da tecnoloxía e o alcance de internet todo cambiou moi rápido e a xente máis moza pasou a formar parte do 1% de españois que sofren da enfermidade.
Na actualidade o perfil medio do ludópata é de unha persoa de 20 a 30 anos que empezou a xogar sendo menor de idade. É o que afirma Juan Lamas, director técnico da Asociación Galega de Jugadores Anónimos (AGAJA) e da Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados (FEJAR), na súa entrevista concedida ós alumnos do círculo de debate. Juan é psicólogo, exludópata e actúa como terapeuta na asociación que axudou a fundar fai máis de 25 anos. “Unha grande parte das persoas en terapia son mozos estudantes ou sen traballo que xogan ás máquinas tragaperras. Pero a adicción ó xogo en liña e ás apostas deportivas van en aumento e xa configuran un 40% dos pacientes en tratamento en toda España”, resaltou Juan.
Engancharse é cada día máis fácil e máis rápido
Fai 10 anos as persoas xogaban durante sete anos ata recoñecer a enfermidade e entón buscar axuda e recurrir a terapia. Hoxe os xogadores tardan máis ou menos dous anos en enfermar e buscar tratamento. “Ese proceso en psicoloxía chámase período de latencia e descendeu de maneira alarmante. Con poucos meses de xogo xa se configura unha situación de dependencia” comentou Juan Lamas. A perda do control é o factor chave para diferenciar unha persoa que xoga moito dun ludópata. O individuo comeza a ver as consecuencias negativas que a súa adicción trae ó seu entorno. Na meirande parte dos casos intenta reducir ou deixar de xogar pero ve que non é capaz de ter o control e volve a xogar. Nese momento decide buscar axuda.
“O xogo en liña é máis adictivo que o presencial” destacou Juan Lamas. Esa modalidade ten características moi marcadas que fai que a persoa enferme con máis rapidez. Dispoñer de internet 24 horas, o anonimato e os dispositivos móbiles facilitan e axilizan o proceso de engancharse. Por causas parecidas as máquinas tragaperras son máis adictivas que o bingo, por exemplo. A cuestión da proximidade incide, xa que as máquinas tragaperras están preto de casa e para acudir ó bingo hai que desprezarse e pasar por controis de entrada.
¿As terapias teñen éxito?
Os tratamentos realízanse na meirande parte con terapia de grupo e psicoterapia con psicólogos. No caso de AGAJA hai a integración dun familiar para axudar no proceso que está dividido en tres fases: iniciación, intermedio e mantemento. A súa duración vai entre 14 e 24 meses. Hai un éxito do 63%: de cada 100 persoas que terminan o tratamento, 63 son capaces de estar abstinentes ó cabo dun ano. Parece unha porcentaxe de éxito moi alta, pero hai que ter en conta os enfermos que abandonan o tratamento. Hai un 30% de persoas que non finalizan o proceso, o que fai que a porcentaxe real de éxito terapeútico caia pola metade.
Os mozos recupéranse máis rápido que as persoas maiores
Os casos máis complicados de tratamento e recuperación son os da terceira idade. A motivación para o cambio é fundamental para superar calquera tipo de adicción, tanto no caso das adiccións sen sustancia coma no caso dos adictos ó alcohol e drogas. Ten que haber un forte desexo de rehabilitarse. “Cando o paciente mozo chega para o tratamento o único que sabe é que lle gusta moito xogar. De aí facémoslle ver tódalas consecuencias negativas que a súa adicción trae para a súa vida. Decímoslle que pode cambiar esa situación e que ten un largo recorrido vital para desenvolver todo o que queira cambiar” dixo Juan sobre a primeira toma de contacto cos mozos que acoden a terapia. Na meirande parte motívanse moito polos plans de futuro que teñen, como acabar unha carreira universitaria, casarse, ter fillos ou calquera proxecto ou soño por realizar.
Pero no caso das persoas maiores é moito máis difícil convencerlles do cambio. Non teñen tanta visión de futuro ou perspectivas de mellora. “As persoas maiores normalmente teñen moitísimos anos de xogo, son resabiados, machistas, teimosos e o xogo é o seu refuxio. ¿Que lle podo ofrecer? Dicirlle que lle sacaremos o único que ten?” dixo Juan recordando que nestes casos hai que contar co apoio da familia. Moitas veces o terapeuta acorda coa familia de que se intente que o enfermo polo menos reduza a frecuencia de xogo. En moitos casos as posibilidades de rehabilitación son moi baixas e chégase ó extremo de asignarse un presuposto semanal para que xogue pero de unha forma máis controlada e sen causar problemas económicos extremos.
Pero a ilusión e as ganas de facer cousas non teñen idade. Sempre hai que buscar motivacións para seguir adiante nas adversidades da vida. A motivación é a chave non só para superar unha adicción, tamén para simplemente seguir vivo.